Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago
Domingo 13.05.2007
Portada
atrás Engadir a Yahoo a nova Luvas verdes: Novos folgos e proxectos
Engadir a Del.icio.us a nova Luvas verdes: Novos folgos e proxectos
Engadir a Menéame a nova Luvas verdes: Novos folgos e proxectos
Chuza esta nova imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

Feitizo de sons

Luvas verdes: Novos folgos e proxectos

06.05.2007

E. ESPAÑADERO ARQUIVO L.VERDES

Luvas Verdes naceu, como cuarteto tradicional, no ano 2001. A gran calidade interpretativa dos seus compoñentes, xunto coa frescura e orixinalidade da súa proposta, fixo que a súa traxectoria estivera marcada polo éxito.

Tras conseguir 17 primeiros postos nos distintos concursos aos que se presentaron, en 2005 gravaron o seu primeiro traballo discográfico: Fandango Desesperado, que foi editado polo selo Nova Galega De Danza. Nese disco ofreceron unha gran mostra do seu exquisito gusto pola composición propia e polo tratamento específico dunha parte da instrumentación tradicional que adoita ser, desgraciadamente, bastante desatendida pola maioría dos grupos: a percusión.

Paradoxicamente, tras a saída ao mercado dese primeiro disco o grupo pasou por un período de escasa actividade, motivado en parte polas moitas actividades paralelas dos seus compoñentes.

Dous dos seus fundadores, os gaiteiros Daniel Bellón e Pedro Lamas, deciden agora revitalizar o grupo e ampliar os seus horizontes de traballo, deixando atrás a etapa dos concursos. Para levar adiante eses novos proxectos contan coa colaboración, entre outros, doutros dous grandes músicos: Xosé Lois Romero (tambor) e Suso Vaamonde (bombo).

Falar do retorno dun grupo fai pensar que, nalgún momento, chegou a desparecer. No voso caso ¿foi así?

Non é que o proxecto inicial de Luvas Verdes chegara a morrer, pero é evidente que as saídas para os grupos de música tradicional son máis ben escasas. A decisión que tomamos agora é a de situar ao grupo nun ámbito máis profesional, que non se limite soamente aos concertos.

As actividades musicais nas que estades implicados individualmente son moitas e moi variadas, pero o tempo para atender a todo ¿de onde o sacades?
Esa é a cuestión principal para nós. Decatámonos de que, por estar implicados noutras aventuras, estabamos deixando un pouco de lado o que foi o proxecto inicial e principal das nosas traxectorias artísticas.

O que non queremos é esquecer nunca, nin renunciar, ao que foi a inspiración das nosas vidas e a nosa primeira ilusión: a música de gaita. Cando pretendes acadar unha certa profesionalización, a tendencia habitual entre os gaiteiros é a de interesarse por outros instrumentos, na procura dun “envoltorio musical” que faga máis doce a sonoridade propia da gaita, que para certos públicos pode resultar un pouco dura.

Esa tendencia é perfectamente válida, pero fai que te afastes da fidelidade á nosa tradición musical. Por iso decidimos facer un alto, dentro da voráxine de traballos alternativos nos que estamos participando, para preguntarnos ¿onde deixamos a gaita?, ¿onde quedou a nosa esencia?

Sabemos que non é nada fácil atopar unha saída, dentro do mercado musical, para un proxecto das características do noso, pero a nosa responsabilidade é a de apostar firmemente por el.

Esta nova etapa de Luvas Verdes ¿en que vai consistir?

Ademais dos propios concertos, que non pensamos abandonar, os proxectos que temos en mente son varios.

Entre eles está a gravación dun disco que recolla a nosa persoal e actualizada interpretación das pezas que formaban parte do repertorio do grupo Lelia Doura, do que formamos parte no seu momento varios dos músicos que agora nos reunimos arredor de Luvas Verdes.
Ademais imos ofrecer cursos musicais tanto en Galiza como fora dela, porque estamos convencidos de que o ensino da nosa tradición musical tamén necesita dun certo grao de profesionalización.

Eses cursos, con distintos niveis, pretendemos que sexan moi variados e que traten, ademais das cuestións técnicas globais, temas máis concretos como a afinación do instrumento, a ornamentación das pezas, etc. A maiores ofreceremos tamén algunhas novidades, como cursos de combo tradicional e de composición e arranxos.

A base da nosa filosofía musical é que a gaita, como instrumento tradicional, debe ser tamén a base dun traballo profesional.

A nivel de sonoridade ¿haberá cambios no grupo?
No disco que estamos a preparar non, por tratarse dunha homenaxe a un grupo tradicional, pero estamos a traballar noutro tipo de propostas nas que si se apreciaran certos cambios. Unha delas é a composición da música para unha secuencia de imaxes, unha banda sonora con instrumentos tradicionais na que teremos que “dosificar” a presenza de cada un deles, para conseguir que sexa atractiva para un público o máis numeroso posible. Este proxecto en concreto supón todo un reto para nós.

Luvas Verdes xa ten presenza na rede internet, ¿non?
Así é. Contamos cunha páxina web na que os visitantes poderán atopar unha información detallada do noso traballo, tanto dos cursos como das actuacións en directo do grupo. Proximamente ofreceremos tamén a posibilidade de descargar algúns arquivos sonoros e diversa documentación relacionada coa música tradicional. Ademais de todo isto, a través do noso correo electrónico: luvasverdes@luvasverdes.com, pretendemos manter un contacto directo.

Os resultados desta nova andaina, ¿cando os poderemos comprobar en directo?
Queremos dar moita guerra e a primeira cita, a actuación que marcará o comezo desta nova etapa do grupo, farémola coincidir co Día das Letras Galegas. Ese 17 de maio, en Porto Do Son, producirase o retorno de Luvas Verdes aos escenarios.
Nesa actuación estaremos acompañados polos nosos compañeiros, Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde, e probablemente contaremos con algunha outra colaboración que non queremos desvelar ata ese día.
A partir de aí, definitivamente, ¡a ver se poñemos a funcionar o proxecto na estrada!

Máis información en: www.luvasverdes.com

 
atrás Engadir a Yahoo a nova Luvas verdes: Novos folgos e proxectos
Engadir a Del.icio.us a nova Luvas verdes: Novos folgos e proxectos
Engadir a Menéame a nova Luvas verdes: Novos folgos e proxectos
Chuza esta nova imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade